Sunday 05 de May de 2024

Inés Rey destaca que a reurbanización de San Agustín potencia o valor patrimonial, humano e comercial do seu mercado


A alcaldesa supervisou a fin dos traballos levados a cabo na contorna, que supuxeron un investimento de 619.000 euros e foron financiados con fondos EIDUS

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou esta tarde os traballos de reurbanización da contorna do mercado de San Agustín, que remataron recentemente e supoñen unha gran melloría da calidade urbana e peonil. As obras contaron cun orzamento de 619.000 euros e foron financiados con fondos europeos a través da estratexia Eidus Coruña. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.

“Coa reforma deste espazo tan característico da nosa cidade, poñemos en valor o patrimonio coruñés e a actividade que se leva a cabo a diario desde os nosos mercados municipais”, sinalou a alcaldesa. O obxectivo deste proxecto foi a humanización do espazo público, a ordenación do mesmo e a adaptación ao contexto histórico e estético do barrio da Pescaría no que se sitúa.

“O cambio que experimentou esta praza e a súa contorna é inmenso. Con el continuamos poñendo en práctica un modelo de cidade que ten como prioridade aos peóns e ao comercio local”, indicou a alcaldesa. O proxecto supuxo a instauración dunha plataforma única que substitúe á anterior calzada de asfalto. Instalouse novo mobiliario como bancos e elementos que separan os espazos peonís dos de uso compartido e permiten ter un entorno máis seguro. A reforma completouse coa creación de novas zonas verdes.

“Buscamos dar unha maior vitalidade a este espazo e priorizar a presenza das persoas, como debe ser norma nos cascos históricos coma este”, apuntou Rey. A reurbanización da contorna de San Agustín é unha intervención integral que se estende á praza do Humor, cuxa restauración está en marcha, e da que se eliminou o quiosco, se creou un mural pétreo en lembranza da antiga praza dos Ovos, se engadiron novas figuras e se restauraron as esculturas. As rúas adxacentes tamén foron intervidas nesta actuación.